Publicidade
Contacto
|
*Medio Rural, Traballo Penitenciario e a Fundación Érguete colaboran por terceiro ano na contratación de persoal recluso para traballos de prevención de incendios forestais
• O convenio asinado hoxe permitirá contribuír á reinserción social de 30 internos e facilitará a súa formación en labores silvícolas e de prevención de incendios forestais durante un período de tres meses
• Nesta ocasión tamén participarán reclusas dos centros penitenciarios galegos
• A Consellaría do Medio Rural achegaralle á Fundación Érguete-integración a cantidade de 145.000 euros para sufragar a contratación deste persoal.
Redacción 09 de xullo de 2008 O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e a presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño Otero asinaron hoxe o convenio de colaboración para contribuír á reinserción social de reclusos e que facilitará a formación de novos traballadores e traballadoras en labores de prevención de incendios forestais. No acto tamén estiveron presentes os cinco directores dos centros penitenciarios galegos, cuxo portavoz, Modesto Gutiérrez Llamazares, responsable da cárcere de Bonxe (Lugo), destacou o éxito desta iniciativa en campañas anteriores, que permitiu a formación e integración nestes traballos doutros 50 reclusos. Así mesmo, os representantes dos tres organismos coincidiron en valorar de xeito “moi positivo” esta actuación, “que contribúe á reinserción social dos internos, aos que se lles proporciona un traballo e un salario digno”, en palabras de Carmen Avendaño. Con esta medida, preténdese formar, ademais, persoal preparado en labores silvícolas na defensa contra o lume, proporcionándolle así un servizo útil a toda a sociedade galega, e preparando a estes traballadores para a súa incorporación laboral posterior.
Contía do convenio
A Consellaría do Medio Rural destinará 145.000 euros para a contratación, nesta campaña, de trinta internos e internas, seis por cada un dos centros penitenciarios situados en Galiza, por un período máximo de tres meses. A Fundación Érguete será a encargada de tramitar os contratos e demais documentación necesaria para a realización dos labores de prevención. Estes traballos permitiranlles, unha vez rematado o tempo da súa condena, acreditar experiencia profesional neste eido para facilitar a súa reinserción social e a reincorporación laboral, mellorando as oportunidades de obter emprego, ao ser estes colectivos en risco de exclusión.
A selección dos internos virá precedida dun informe favorable da Xunta de Tratamento do respectivo centro penitenciario e contará coa aprobación do xuíz de Vixilancia Penitenciaria. Ao persoal contratado seralle proporcionado pola Fundación Érguete-Integración -na súa condición de empregadora de acordo co establecido no convenio-, como mínimo, o equipo obrigatorio de protección individual e as ferramentas necesarias para realizar as súas funcións.
Nesta ocasión, e por primeira vez dende que comezou a colaboración en 2006, tamén participarán mulleres nas labores de prevención, tendo presenza en todas as brigadas. Establécese ademais a creación dunha comisión encargada do seguimento do convenio que estará composta por dous representantes de cada unha das institucións asinantes.
A defensa contra o lume
Para o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, “a formación destes profesionais reviste unha importancia estratéxica, tanto para a reinserción social dos reclusos como para a loita e defensa contra os lumes forestais”. Ademais, esta actuación evidencia, na súa opinión, que “a prevención dos incendios é tarefa de toda a sociedade e tamén das persoas privadas de liberdade temporalmente, de xeito que o seu traballo é de grande utilidade nunha estratexia que nos debe unir a todos e todas”.
Pola súa banda, a Fundación Érguete-integración ten como obxecto promover todas aquelas accións que, respectando as disposicións legais existentes, fomenten a formación profesional, a reeducación e a reincorporación social e laboral de colectivos en risco de exclusión. Nos estatutos do Organismo Autónomo Traballo Penitenciario e Formación para o Emprego recóllese que ten por obxecto a promoción, organización e control do traballo produtivo e a formación para o emprego dos reclusos nos centros penitenciarios. Xa que logo, esta actuación, na que Galiza foi pioneira dentro do Estado, aglutina os esforzos e obxectivos dos tres organismos implicados, servindo, ao mesmo tempo, á reincorporación sociolaboral dos internos nos centros penitenciarios, así como á loita contra a problemática dos incendios .
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|