Publicidade
Contacto
|
*Quintana di en Lugo que o BNG está por definición en contra de excluír a ninguén: “nen gostamos do veto ao novo Estatuto nen gostamos do veto á unidade das forzas políticas sobre o AVE”
• “Nunca nos atoparedes entre aqueles que defenden Pactos de Estado en Madrid e logo se dedican a torpedear os Pactos de País en Galiza”
• “Non somos tan ousados de pretender que as forzas políticas estatais se convertan ao nacionalismo, pero si de procurar que poñan os intereses de Galiza por diante de todo”
Redacción 09 de xullo de 2008 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, dixo este serán en Lugo que os nacionalistas galegos “estamos por definición en contra dos vetos”. “Nen gostamos no seu día do veto que se interpuxo ao Novo Estatuto de Galiza”, afirmou en alusión ao PP, “nen gostamos do veto que agora algúns parecen querer interpor á necesaria unidade das forzas políticas galegas para fiscalizar as obras do AVE”.
“Nunca nos atoparedes entre aqueles que defenden ardorosamente Pactos de Estado en Madrid e logo se dedican a torpedear con idéntico entusiasmo os Pactos de País en Galiza”, aseverou o líder do nacionalismo galego durante un mítin no Hotel Méndez Núñez que protagonizou xuntamente co coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, e coa deputada nacionalista no Parlamento Galego Cristina Ferreiro.
“Imos ver. Que aquí non se poña nervoso ninguén. Non somos tan ousados de pretender que as forzas políticas estatais se convertan ao nacionalismo. Simplesmente lles pedimos que fagan o que quere a xente, que poñan os intereses de Galiza primeiro”, dixo o portavoz nacional.
Para Quintana, a unidade das forzas políticas galegas é unha precondición necesaria para blindar a Galiza no actual contexto de crise económica. “O País ten que ter unha posición como tal perante o Estado para demandar que este salde a súa débeda e cumpra os prazos aos que se ten comprometido. Esa posición de unidade non só nos fará máis fortes, senón que facilitará o importantísimo obxectivo político de que 2009, tal e como teño proposto, sexa o ano do Novo Estatuto de nación que precisa Galiza”, alegou.
“Ten algún sentido terlle medo á unidade das forzas políticas galegas? É que alguén pode sentirse ameazado por que se apresente unha iniciativa conxunta no Parlamento Galego sobre un asunto vital para o futuro do País?”, perguntouse Quintana, quen a seguir se respondeu a si mesmo: “Só pode terlle medo á unidade aqueles que non son quen de exercer a política en Galiza en clave de País e que, por tanto, pensan antes en poñerllo doado a Madrid que nos intereses da nosa nación”.
Quintana interpelou directamente ao líder do PP galego, Núñez Feijoo. “Di que se fía da miña palabra. Ben, modestamente penso que teño demostrado que sempre cumpro os meus compromisos. Non doutro xeito entendo a política. O que lle pido ao señor Feijoo é que dea un paso adiante, esqueza todo cálculo partidista e asine xa a proposición non de lei conxunta no Parlamento Galego”, alegou.
Esquecer todo cálculo partidista é básico para “desbloquear a situación e que ningúen poña ningún veto”. “Non falo por falar. O BNG e eu mesmo demos exemplo do que digo. Eu renunciei a presidir a subcomisión de seguimento do AVE para que ficase claro que aquí o importante non é colgarse medallas, senón fortalecer a posición de Galiza ante Madrid”.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|