ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Galiza enfrontarase a Rusia e Brasil no Campionato do Mundo de Fútbol Sala Feminino
• A equipa galega, que debutará no mes de setembro en Reus, forma parte do peor grupo, segundo indicou o seleccionador eduardo Lago

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 09 de xullo de 2008 Galiza debutará no mes de setembro no Campionato do Mundo de Fútbol Sala Feminino, que se disputará en Reus, organizado pola Asociación Mundial de Futsala (AMF).

Hoxe tivo lugar o acto de presentación da equipa, no que xa se deu a coñecer o calendario do Mundial, e no que Galiza forma parte do grupo A, xunto a Rusia e Brasil. O seleccionador galego, Eduardo Lago Varela, manifestou a súa ledicia e a das xogadoras por poder representar a Galiza nesta importante competición, aínda que recoñeceu que non tiveron sorte no sorteo “xa que nos tocou o grupo máis duro”. A equipa galega está preparando xa o campionato e ten previsto xogar un par de amigábeis, “para chegar nas mellores condicións posíbeis”.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, destacou os éxitos do fútbol sala galego feminino, “xa que temos dous clubs na máxima categoría estatal” e agora “temos a posibilidade de estrearnos nun Mundial e fronte a grandes equipas”. A selección galega de fútbol sala feminina é a cuarta creada até agora, tras baloncesto, balonmán e fútbol.

Bugallo agradeceu o “cariño co cal tanto a federación, como o seleccionador e as xogadoras afrontan este proxecto” e insistiu na importancia de “seguir adiante nun camiño para lograr a equiparación por razón de sexo e que haxa un referente feminino, que é algo moi necesario para as mulleres que comezan a súa práctica deportiva”.

Ao acto de presentación, asistiron ademais da conselleira, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Luís Neira; o adestrador Eduardo Lago Varela e as xogadoras Silvia Aguete e Begoña Fraguas (Leis, Pontevedra) e Sonia Pacios (Cidade das Burgas).

No campionato do Mundo, organizado pola Asociación Mundial de Futsala, participan Arxentina, Australia, Brasil, Cataluña, Colombia, Eslovaquia, Galiza, Italia, Paraguai, República Checa, Rusia e Venezuela. Galiza debutará no torneo o día 29 de setembro fronte a Rusia e ao día seguinte xogará contra Brasil. ****** As seleccións de Brasil e Eslovaquia foron substituídas polas de Ucraína e Bélxica, por causas de forza maior, segundo apunta a organización.



Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2008 ArroutadaNoticias.com