Publicidade
Contacto
|
*450 entidades secundan xa a mobilización 'Polo dereito a vivirmos en galego' do vindeiro 18 de maio
Redacción 17 de maio de 2008 Son xa 450 as entidades de diferente tipo que subscriben o manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego”, no cal se convoca ao conxunto da sociedade a mobilizarse en defensa do idioma do país o próximo domingo 18 de maio en Santiago de Compostela. A Mesa chama a que “nas rúas de Santiago se dea cita unha marea cívica contundente que reclame o dereito elemental a poder expresarse e recibir información en galego en todos os ámbitos da vida”.
Os apoios ao manifesto de convocatoria están aínda abertos e poden achegarse a través dun formulario en liña na páxina web da Mesa. Segundo sinalan desde esta organización, “estanse a recibir máis de 10 adhesións novas cada día”, o cal fai agardar “unha grande participación na mobilización do 18”.
Entre as entidades que subscriben o manifesto encóntranse até o momento, entre moitas outras, asociacións e federacións veciñais da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, O Carballiño, Ordes, Sarria, Cedeira, Muxía e A Laracha, así como as concellos da Coruña, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Allariz, Ames, Arzúa, Cuntis, Fene, Gondomar, Mugardos, Noia, Ordes, Outes, Rianxo, Ribadeo, Salceda de Caselas, Vedra, Zas e O Porriño; así mesmo, apoian a mobilización a alcaldía do Concello de Carballo e as concellarías de Cultura de Marín e Sada. Entre os gobernos municipais que subscriben o manifesto encóntranse diferentes cores políticas e só en casos puntuais (os plenos de Poio e Marín) existiu unha oposición a aprobalo, alegando os grupos de PP e PSOE neses dous concellos que “o dereito a vivir en galego” significa “unha imposición”. A Mesa lamenta esa actitude por parte deses grupos locais e reclama “sensatez” e “un traballo construtivo para garantir dereitos aos veciños e veciñas, non para quitarllos”. Ademais, fai un chamamento especial ás mulleres e homes de Poio e Marín para que participen na manifestación do día 18 en Santiago, “respostando así ás declaracións e accións contra o galego por parte deses representantes políticos”. Podes consultar a listaxe completa de apoios na seguinte ligazón: http://www.amesanl.org/18maio2008/apoios.htm#listaxeapoios
Tamén se adheriron á manifestación numerosas agrupacións culturais, centros de ensino, organizacións estudantís e xuvenís, asociacións de nais e pais, entidades deportivas, grupos musicais, pequenas empresas, movementos de renovación pedagóxica, sindicatos, formacións políticas, organizacións ecoloxistas, asociacións empresariais, colexios profesionais etc.
Na tarde do día 18, tras a manifestación, na praza do Toural de Santiago de Compostela celebrarase unha “Festa da Lingua”, con actividades circenses e musicais pensadas singularmente para as nenas e os nenos, completando a que se prevé que sexa unha intensa xornada lúdica e reivindicativa en defensa do idioma propio de Galiza.
Máis información na páxina da Mesa: http://www.amesanl.org/
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|